domingo, 26 de octubre de 2008

Denuncias

Hai uns días, viamos coma a nai do Cabo Gago entregaba, desesperadamente, nun acto militar unha carta á Raíña Sofía, onde pedía xustiza para o seu fillo, quen denunciara ante os seus mandos militares unha situación, que posteriormente concluíu coa morte duns compañeiros. A el, por denuncialo, sancionaronno con cadea. Esta semana, trala entrega desa carta por parte da nai do Cabo Gago á Raíña, saíu a nova de que xa non irá á cadea. Agora ben ¿qué pasará cos mandos que tiñan que cuestionar as probas que circunstancialmente se destruíron? Denunciable dende logo.
.
Hoxe, 26 de outubro de 2008, lendo a prensa atopei unha entrevista que me fai reflexionar, cando menos, e que quero compartir convosco. Lémbrame a inxustiza que, os que seguides o meu blog, xa sabedes con Os Tres do Eixo. Eles seguen cumprindo unha condena totalmente inxusta e as autoridades sábeno e incluso apóianos, pero eles seguen aí (outros saen pola porta de atrás, pero saen, porque teñen poder e cartos). A súa veciñanza, os seus compañeiros, amigos e moita máis xente anónima seguen a denunciar esta situación, con concentracións pacíficas coma a de onte, pero segue todo igual. ¡Xa está ben! ¿Haberá que ir canda a Raíña Sofía?
.
Coma dicía aquí vos deixo o link da nova que hoxe leo no xornal Galicia Hoxe. Trátase do pai dun preso político e onde denuncia a situación familiar. http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=357473
.
De todos os xeitos, quero que a leades paseniñamente, que vos quededes non só co tema do suposto uso da violencia (que todos denunciamos sexa da forma que sexa), senón cos temas de dereitos humanos e co diferente trato que teñen uns e outros.
.
PAI DO PRESO INDEPENDENTISTA UGIO
Manolo Caamaño: “Queimar o monte e agredir o mar... iso si que é violencia”
26.10.2008 Asegura que o seu fillo é unha boa persoa, moito máis culta que a maioría dos responsables que dirixen este país e que o están a reprimir por ter ideas que non lle conveñen ó Estado. Pero el nin é militante nin lle gusta falar de política máis alá da súa declaración de amor por esta terra. “Se iso é delito, alá eles, amarei Galiza, igual que o meu fillo, ata que morra”, di
TEXTOS: ROSABEL CANDAL FOTOS: P.SANTOS

Manolo Caamaño, o martes pasado, na Gentalha do Pichel, en Santiago. É ceramista e veu da terra dos oleiros, de Buño, pero leva moito tempo vivindo no concello de Ames xunto á súa muller, María Carme Santiso. Hai tres anos e tres meses a súa vida daba un xiro. O seu fillo, Ugio Caamanho –hoxe ten 27 anos–, era detido na capital galega, xunto con Giana Rodrigues, logo de que en Compostela estourara un artefacto explosivo na sede central de Caixa Galicia que provocara importantes danos materiais. Ambos os dous están acusados de presuntos delitos de "estragos terroristas" e "manipulación ilexítima de vehículo". Así mesmo, Ugio está tamén acusado doutro presunto delito de "falsificación de documentación". A Fiscalía solicita para ela 19 anos de prisión e para el 21. Non obstante, ambos os dous están encarcerados desde aquel xullo do 2005 en prisión preventiva, ela en Brieva, Ávila, e el no Porto de Santa María, en Cádiz. Os próximos días 3 e 4 de novembro serán xulgados por fin pola Audiencia Nacional.
O organismo popular anti-represivo Ceivar ofreceu esta semana unha roda de prensa para anunciar a posta en marcha dunha intensa campaña para apoiar a Ugio e a Giana o máximo posible ante este proceso xudicial. Ceivar defende que Ugio e Giana non son terroristas, senón independentistas e esixe o cesamento do que eles tachan de "xuízos políticos". Tamén denuncian o suposto maltratamento que están a recibir estes reos nas cadeas e o feito de que os recluíran en cárceres lonxe de Galicia. Na roda de prensa, acompañando ós que están a defender o seu fillo, estivo este martes Manolo Caamaño. Ó remate da roda de prensa, a idea de conceder unha entrevista pareceulle boa. Quere deixar moi claro que el vai falar como pai. Non quere entrar en todo o proceso xudicial que se está a levar a cabo nin no que pasou realmente porque considera que a el o que lle corresponde é responder sobre Ugio como o seu fillo. Visiblemente nervioso e sensible por todo o que está a vivir, contesta con gratitude ás preguntas consciente de que canto máis apoio haxa desde fóra ós presos e canto máis se saiba da situación real, máis respectados serán estes dentro da cadea. "Diso estou convencido", insiste, mentres dá as grazas a todos os colectivos que os están apoiando.
Ceivar e outros grupos independentistas sempre se afanan en denunciar que os medios manipulamos a realidade sobre estes procedementos. Vostede, como individuo que vive en primeira persoa todo o que está a acontecer, ¿cre que realmente a prensa non é imparcial con este asunto?
Vaia, que valente! É esta unha pregunta que xa hai tempo que tiña ganas de que me fixeran. Tanto a miña muller como eu considerámonos completamente atropelados. Houbo medios que comezaron a quitar sentenzas ó día seguinte de Ugio ingresar na cadea. Vímonos totalmente agredidos e tanto é así que estivemos tentados moitas veces a ir ó xulgado e denuncialo porque iso non se pode facer. As persoas, antes de ser xulgadas, son inocentes, e só presuntos sobre o que se lles acusa. É terrible ter que aturar que os medios xa dean por feito que Ugio fixo isto e estoutro e lle poñen etiquetas sen que saíra aínda o xuízo.
¿A día de hoxe segue sen estar nada probado?
Efectivamente. Son xuízos completamente políticos porque esa é a intención que ten sempre o aparato do Estado, de facer unha represión sobre a mocidade para que non manifeste as súas ideas cando esta xente está en idade de facelo. ¿Que mal ten ser un pouco rebelde ou estar descontento con calquera norma, e sobre todo cando hai xente que ten alternativas? Polo menos, que se escoiten.
A min gustaríame que, xa que ten aquí a oportunidade de falar, conte que foi realmente o que aconteceu. ¿Como foi a detención do seu fillo?
Eu voume cinguir ó que supón, desde o primeiro día que o detiveron, a atención que lle teñen que prestar unha nai e a un pai. Do resto non sei e podo ter a miña versión, pero debo calala. O que sei é que Ugio é unha boa persoa e iso está demostrado en todos os sitios polos que pasou. Non digo isto só porque Ugio sexa o meu fillo, senón que o mundo estudantil que o rodeou e o rodea o di sempre. Eu do que teño que falar aquí é do mal que nolo están facendo pasar ós pais dos presos. Se o aparato represivo ten leis tan terribles como ten para castigar os reos non ten por que castigarnos a nós, ós pais, tamén. Cada vez que viaxamos gastamos un lote de diñeiro e poñemos tamén en risco as nosas vidas. Non serían os primeiros familiares de presos mortos no camiño, ¿sabes? É inxusto o que lles están facendo a eles, con todas as actitudes completamente vexatorias que reciben nas cadeas, e o que nos están facendo a nós, tendo que trasladarnos todas as semanas ata Cádiz para poder velo e sufrindo o gasto físico e económico que iso supón. Sempre denunciarei o meu rexeitamento e o meu cabreo por sentirme tamén agredido cando non hai por que. A Constitución recolle o dereito ó achegamento dos presos á súa terra, pero iso estase vulnerando coa famosa Lei de dispersión. Ademais, as visitas son moi reducidas, andamos miles de quilómetros para estar 45 minutos cos nosos fillos. Iso só o poden facer mentes complemente retorcidas que eu non quero nin lle desexo a ninguén. Eu vou ver o meu fillo e cando remata a visita os mesmos funcionarios xa se están armando de luvas nas mans a medida que ti aínda estás marchando e a sensación que che queda é de que con el poden facer o que queiran. Logo, ¿isto que carallo é? Isto tamén é un acoso, un atropelo, unha agresión psicolóxica, das moitas que recibimos. No caso do meu fillo, os funcionarios da cadea entran e saen cando lles peta na súa cela e lévanlle o que lles dá a gana, enderezos de compañeiros e cousas persoais que ó día seguinte Ugio ten que volver mercar se llo permiten. Estes son os abusos que eu quero manifestar e no resto non me meto porque non é a min a quen me corresponde, para iso xa está Ceivar, que o está apoiando, e vaian desde aquí os meus parabéns para eles, porque o están facendo moi ben. Son rapaces que teñen unha historia completamente intachable como persoas e que o único que fan é loitar por este país, non hai outra cousa e se iso é delito..., eu así non o quero ver. A miña obrigación é loitar polo meu fillo e loitar pola miña terra, se o consideran delito, alá eles, eu seguirei facéndoo ata que morra. Non hai máis.
Vostedes van velo ó cárcere case todas as semanas.
Si. Imos ao Porto de Santa María, a Cádiz.
¿Como o ven a el alí?
Nós fomos moitas veces no noso coche, pero normalmente agora estámolo facendo en avión e as viaxes son moi caras para unha familia obreira como nós que case non o pode soportar, pero soportas todo e algo máis porque imos ver o noso fillo, que é o mellor patrimonio que temos. ¿Como o vemos? El está moi forte moralmente e fisicamente. Sabe que o mellor que pode facer na vida é defender as persoas e a súa terra e niso está. O rapaz está con moita forza e moi ben mentalmente. Así espero velo sempre e espero velo así na casa, por suposto.
¿Que cre que pasará no xuízo a comezos de novembro?
Hai cousas que se cadra de antemán xa están cociñadas e feitas, pero a nosa obriga é a de seguir traballando. Eu creo que todo país ten que ter unha ferramenta útil como pode ser unha asoción ou un colectivo que vele polos dereitos das persoas cando as teñen secuestradas noutros países. Neste caso, nós o que temos que facer é fortalecer toda aquela xente que no aspecto humanitario e solidario quere apoiar isto, porque desa maneira, os presos serán máis respectados na cadea. Nós loitaremos para que Ugio e Giana veñan para aquí, para a nosa terra, xa que hai cinco ou seis instalacións penitenciarias cargadas de xentes doutros lados. É incrible, o sistema deseñouse para trastocar a mentalidade de cada quen, os galegos lévanos para alá e os doutros países traenos para a Galiza e as cadeas están totalmente masificadas. Non se pode falar de calidade de vida e asegúrocho que é así. Eu véxoo no meu fillo, que pasou xa por moitas cadeas e o trato incluso do funcionariado con nós é tremendo. Eu non o vou contar aquí, pero é tremendo.
Ceivar xa denunciou en varias ocasións anteriores que Ugio e Giana están a recibir incluso malos tratos nos cárceres.
Pois si, e a nós tamén, tanto no ton de voz que nos poñen os funcionarios como nos controis á hora de pasarte polo escáner, parece que están gozando a medida que te están espindo para que pases polo famoso arco. Eu penso que si que lles gusta facer así. O que di a Administración non é verdade. Aquí parece que o tratamento que se lles dá ós presos é como se estiveran en hoteis de cinco estrelas e non é así.
Dicía que canto máis apoio haxa fóra, máis respectados serán dentro da cadea. Ugio e Giana están a recibir apoios de moitos lugares...
Si, é normal. Nós agora mesmo recibimos centos e centos de apoios de homes e mulleres de distintas partes do Estado e iso dános unha grande axuda e fortaleza, fai de condensador de arrinque para que cada vez poidamos fortalecernos máis e seguir para adiante porque cremos que somos necesarios neste país.
¿Vostede é independentista?
A min gustaríame que Galiza rexira os seus propios destinos, iso si. O eslogan de Gobernemos nós a nosa terra non vai tan lonxe dentro das filas do BNG, por exemplo, que o berrou moitas veces en tempos pasados. Nós seguimos con iso, porque como pobo, temos as condicións, os potenciais económicos, a historia e a lingua necesarios para ser un pobo. Somos galegos e ¿por que non imos exercer como galegos?
Vostede como pai, ¿que pensou cando viu que o seu fillo era membro de AMI e de NÓS-UP?
Ben, é que á parte disto Ugio é moi intelixente.
Que vai dicir un pai, ¿non?
Si, pero demostrouno. Seguramente Ugio leu máis libros que boa parte de moitas persoas que están desempeñando postos de responsabilidade e manexando os nosos impostos.
¿Estaba a estudar el?
Si, rematou Económicas e agora quere empezar outra carreira. É un home que goza cos libros e coa xente. Pero, ¿que lle dixen eu ó meu fillo cando souben que era independentista? ¡Pois que lle vou dicir eu se estaba diante dun fillo que xa era maior de idade! Eu traballei toda a vida pola liberdade e sería unha contradición que eu comezase a reprimir o meu fillo, ¿que lle ía dicir?, iso non iría conmigo, eu amo este país tanto como el e, polo tanto, somos máis na casa, simplemente.
¿Por que o independentismo sempre se liga coa violencia?
Non o sei. ¿Ti estarías disposta a que na túa casa che organizasen a túa vida? Supoño que non, que non deixarías que ninguén de fóra che dixera como tes que cociñar, como vestir e como decorar a túa casa. Un país é o mesmo. Eu non estou disposto a que me gobernen o meu país, claro que non. Quen me dera que Galiza tivese todas as competencias para que o mar que é noso tivera un regulamento para todo o tráfico marítimo e non velo de cando en cando envelenado. Tampouco me gusta ver os nosos montes queimados porque o lume responde a outros intereses. Os que teñen ese tipo de interese son os que asocian o independentismo coa violencia. Pero, xa o dixen, o meu non é o tema político, non son militante de nada, loxicamente, xa teño unha idade, pero que amo o meu país e que me gustaría que encauzara os seus propios destintos e os seus propios recursos, iso si.
¿Para defender este tipo de ideas estaría xustificada a violencia?
Violencia tamén é a do aparato controlador do Estado. Depende de como se mire, porque violencia haina de moitos tipos e en moitos lados. Eu considero que conmigo empregan violencia en moitos aspectos. Na miña casa estou completamente seguro de que penetra xente por vía telefónica que eu non podo controlar. No meu teléfono escoita xente á que eu non podo contestarlle e iso parece ser que está lexislado. Para min iso é violencia tamén.
Ou sexa que durante todo este tempo vostedes sentíronse controlados...
Si, completamente, estou totalmente seguro. Pero alén diso, síntome controlado como ti ou como calquera pola rúa, con tanta cámara que hai. Estamos controlados día e noite e a conta dos teus impostos están pagando toda a cantidade de cámaras e de servizos similares que tampouco consultaron contigo para poñelos. Son estes papás que van de salvadores de nós. Pero, insisto, non me meto aí porque non milito en nada e porque teño unha idade que xa non mo permite tampouco. Teño claro que amarei este meu pobo sempre e polo pobo galego e loxicamente polo meu fillo, que é a quen máis quero, e pola miña familia e polos meus amigos, que é o mellor patrimonio que me fai mover, loitarei. A min non me move o diñeiro como move os que especulan coa nosa terra, as grandes urbanizadoras que acaban coa nosa masa forestal e que nos deixan todo o medio escarallado. Iso é unha agresión e iso si que é violencia. Por iso é que violencia..., non sei a que se lle chama violencia.
Moi persoal
Ugio Caamanho participou na creación, en 1996, en Santiago, da sección de Ensino Medio de Estudantes Independentistas (EI), e da comarcal de AMI (Asemblea da Mocidade Independentista). Desde a organización xuvenil, desenvolveu un papel central no impulso do Proceso Espiral, que desenvocou na constitución de NÓS-UP, sendo con apenas 19 anos responsable de Organización da Asembela popular da Comarca de Compostela. Impulsou tamén varios medios de comunicación alternativos, como galizalivre.org ou o periódico ‘Novas da Galiza’, así como tamén traballou nos primeiros pasos do Centro Social ‘A Fouce’, de Bertamiráns.

viernes, 24 de octubre de 2008

Segue a loita. Indulto Xa!

HOXE, 24 DE OUTUBRO, ÁS 20.30 H, NOVA CONCENTRACIÓN - MANIFESTACIÓN NA PRAZA DO TOURAL, polo indulto de Os Tres do Eixo.

Acudide.

¡¡INDULTO XA!!

miércoles, 15 de octubre de 2008

Mugardos

Cuando alguien me pregunta de dónde eres, tengo algunas dudas que pronto disipo. Soy de Santiago de Compostela, ya que como dice el refranero "uno no es de donde nace, sino donde pace". Esta afirmación está sustentada en que llevo más de quince años en la capital de Galicia, por motivos laborales, al principio viviendo en plan estudiante (¡vaya vida!) y después un poco más seriote en piso del BBVA... como todos, hipoteca al canto.
.
Pero si de algo uno está orgulloso es de sus alicerces (de sus orígenes) y lo cierto es que nací en una verdadera joya paisajística de Ferrolterra: Mugardos. No me pararé en lo que ya pone la página oficial de este ayuntamiento, porque ya os he dejado el link pinchando en su topónimo.
.
Es un lugar recomendable para todo: vivir, comer, dormir y soñar. Y como tengo la suerte de tener cerca un maestro de la fotografía como Rofy (ver su galería de fotos) y de tener verdaderos profesores y amigos como Osiychi, me he atrevido a colgaros uno de mis primeros powerpoints (estoy haciendo un curso básico en la Escuela Gallega de Administración Pública) para que podais otear algunas de sus maravillas, sin perjuicio de que hayan quedado muchísimas otras que os recomiendo turistear.
.
Como no, la música de un pulpeiro de pro como Xoan Rubia y sus "Catro vellos mariñeiros", canción popular que no falta en cualquier xolda de amigos. Espero que os guste.
.