Ás veces un ten a sorte de vivir grandes momentos da nosa pequena historia. Penso que este foi un deles: o 10 de novembro de 2012, no Comité Nacional do PSdG-PSOE, en Santiago de Compostela, máis dun cento de intervencións de compañeiras e compañeiros que amosaban as súas inquedanzas froito da situación post-eleitoral do 21O en Galicia.
A voz é de Ceferino Díaz, non precisa presentación. O sentimento, de moitas e moitos de nós. Todas e todos debemos escoitar o que di e o que nos quixeron dicir a cidadanía galega.
"Boas tardes.
Sr. Presidente,
compañeiros e compañeiras:
Falando de disculpas,
vexo que hoxe daquí debería saír, xunto coa referencia aos que nos apoiaron, as
disculpas tamén cara a eles e cara aqueles outros que nos houberan apoiado se viran en nós unha alternativa, porque todos eles perderon con nós. Non perdeu o
Partido Socialista, houbo moitas persoas neste país e moitos colectivos que
perderon o día 21 e nós a eles temos que pedirlle tamén disculpas.
Compañeiros,
desgraciadamente cumplíronse os peores presaxios: perdemos estrepitosamente.
Evidentemente, nós, o PSdeG-PSOE, non foi visto como alternativa. A maioría da
cidadanía non veu en nós unha alternativa clara ao goberno de Feijóo, a pesar
de que eran eles os que estaban xestionando a crise económica e que segundo nós
a estaban xestionando de maneira inxusta. Agora si, compañeiros, que non hai
présa; eu non teño ningunha présa. Sen eleccións á vista temos moito tempo por
diante e por iso vos pido calma, non podemos pechar como se aquí non pasase
nada. Todo o contrario, é obligado un cambio profundo, eu diría moi profundo:
para ilusionar á militancia e reconciliarse coa cidadanía, que nos ve hoxe, aos
socialistas, máis como profesionais da política que como persoas preparadas e
dispostas a servir.
Hai que construír un
proxecto, levamos moito tempo sen un proxecto creible, porque amigos
candidatos, que sería de nós, na campaña, se non houbese recortes en educación
e en sanidade? Cal era o noso discurso?
Aceptamos, no seu
momento, en maio do 2010, o dogma neoliberal, porque compañeiros, naquel
momento non tiñamos alternativa ante a crise; nin a tiñamos nós, nin a tiña a
socialdemocracia europea. Non a tiñamos!! Reformamos despois a Constitución
porque nos mandaron e tamén, porque non tiñamos alternativa. Dous anos máis
tarde seguimos sen ter alternativa nin a nivel de Estado, nin a nivel de
Galicia porque a alternativa á crise, compañeiros, non é negar a crise. Non é
dicir, se gañamos nós: libros, médicos, medicamentos, todo como antes. Iso non
era creible. Non era creible que nin San Pachi, nin san non sei quen poidese
facer a miragre de volver ao 2007. Estamos no 2012 e o cidadán é consciente de
que estamos en crise e que hai cousas que hai que cambiar; pero, dende a
esquerda ten que facerse con outra sensibilidade, que era a nosa oferta
creible. Nós imos a xestionar a crise con outra sensibilidade, tendo en conta
fundamentalmente aos máis débiles, á xente que traballa e á xente que ten medo
porque non ve claro o seu futuro.
Somos un partido
necesario, díxose aquí, pero somos necesarios se temos respostas. Somos
prescindibles se só temos críticas e non propostas viables aquí e agora. Hai
que ter respostas e propostas, aquí e agora. A sociedade galega necesita dun
Partido Socialista, dun partido de esquerdas, dun partido galeguista e dun
partido que non se defina por estar á contra, senón por un partido que achega
solucións aos problemas do país, achega solucións á crise, e di como hai que
xestionar mellor a crise e achega solucións a unha crise, que por certo, non é
coxuntural, que vai para longo; e achega solucións tamén a problemas estruturais
que ten este país.
Compañeiros, cada vez
somos menos os galegos e sendo menos non podemos pesar máis. Temos un campo
abandonado e envellecido, temos máis terras a monte que en produción, temos
unha gandeiría que é o sector moderno da agricultura que está en fonda crise, o
futuro da pesca é unha incognita, a desindustrialización de Galicia segue sendo
unha realidade e a reindustrialización un soño. Temos un índice de fracaso
escolar que hipoteca o futuro non soamente os recortes. O fracaso escolar non
vén dos recortes, senón que xa o había antes, e temos tamén un deterioro do
medio ambiente que neste país é sangrante porque o medio ambiente tiña que ser
unha das riquezas sobre a que proxectar o noso futuro. A estes temas haille que
dar resposta e a respostas debemos dalas cunha organización ilusionada, cunha
organización creible para a cidadanía; e compañeiros, con caras novas que
apoien novas ideas.
Perdemos xa as
autonómicas; agora as seguintes son as municipais, que están lonxe, pero
amigos, para recuperar as alcaldías fai falta proxecto e en moitos casos tamén,
non nos esquezamos, novas persoas. Son outros tempos e hai que entendelo así.
Non vai esta crítica contra ninguén senón que todos temos que sacrificarnos
polo futuro deste Partido e aí temos que sacrificar a compañeiros que hoxe
están mandando, tamén lle pido claramente dar un paso atrás a moitos
compañeiros que non o fixeron mal, pero que hoxe, de cara ao futuro non son a
solución. É un sacrificio, pero o sacrificio o pido non por persoas, senón polo
proxecto.
Dito esto amigos,
temos que ir a un congreso ordinario. E, que non se me diga que os Estatutos
non o prevén. A situación é de tal calibre que ou facemos un congreso a fondo e en serio onde primeiro
discutamos o proxecto, e elaboremos un proxecto para este país, que non o
temos. Porque non é a suma “de los de educación, más otro de sanidad y otros
más” ... Eso non é un proxecto, hai
que saber que queremos ou cal é a situación deste país e que queremos facer con
el nos próximos 30 anos. Cal é a idea dos socialistas en todo eso e iso require
traballar en serio, traballar abertos á cidadanía nese proxecto aberto e
despois da Conferencia Política e de Organización. E digo despois porque a
Conferencia de Organización ten que cambiar moitas cousas, porque senón este
non é un Partido democrático. Non hai un congreso democrático para este Partido
se non cambiamos as regras de xogo, e iso ten que ser na Conferencia Política e
de Organización. Só cunha nova dirección e cun proxecto creible podemos
recuperar a confianza daqueles que noutros tempos foron os nosos aliados.
Amigos, temos que
construír un Partido máis aberto, un Partido participativo, transparente, con
primarias, listas abertas, voto individual. Un Partido que aplauda menos, que
aclame menos e debata máis.
O debate é fundamental
neste Partido, o modelo de Partido actual non serve para o futuro, este modelo
é un modelo que servíu para a transición, agora non serve. Señores, neste Comité
Nacional temos 40 aquí (pola Executiva nacional) e 200 aí controlando (polos
Delegados/as); que sentido ten esto? No Comité Nacional hai moitos anos só se
interviña para criticar á executiva; agora a maioría é para aplaudir.
Compañeiros no Comité Nacional non temos que facer o debate sobre o discurso do secretario xeral, tamén aquí hai que discutir propostas que veñan das bases
porque senón, que coño pintan as bases aquí?
E iso amigos, esa é
unha nova estrutura para un novo Partido e para ese Partido eu dígovos aquí,
que estou escoitando: mirade, nos medios de comunicación nós temos que elixir
entre sete; sete son as opcións, sete son os teoricamente coñecidos e eu
dígovos: se neste Partido non hai 500 persoas entre 30 e 60 anos, capacitados,
responsables, formados, que queiran dar un paso adiante; entón, non hai
Partido.
Por iso amigos, este é
un proceso para construír de abaixo arriba non agardar instrucións por abaixo.
E empezar a discutir, e a traballar, e a dar ánimo para que ninguén se vaia;
porque, aquí hai Partido, aquí hai Futuro, pero ese futuro pasa tamén por ser
todos xenerosos. Mirade, ou somos todos xenerosos para deixar paso aos
mellores, non aos menos malos, ou algúns desta primeira crise salvaranse, pero
os demais, o Partido, morrerá de éxito buscando os culpables fóra.
Graciñas"
Grande Ceferino....
ResponderEliminar