domingo, 23 de diciembre de 2012

A rosa socialista... de loito


Levaba máis dun ano sen deixar o meu sinal neste, meu, Curruncho. Tiña que ser algo realmente importante como para recuncar de novo neste baúl de soños e de realidades... E non só foron as súas verbas, as túas Ceferino, senon a coraxe que con elas desprendías. Parecían dicir... Espabilar hostia, que así non imos a ningures! 

Eu non che son teórico, nin tampouco sei moito de socialismo. Gústame traballar cando vale a pena o obxectivo: construír e mellorar o que nos rodea. E gústame a xente...

Aínda que sempre vivín de preto o mundo da política, ata o mes de febreiro de 2012 non din un paso adiante. A miña amiga Pilar Cancela, sempre chea de ilusións, animoume a asistir ás intervencións, en Santiago de Compostela, de Rubalcaba e de Chacón; e xa co gustillo no corpo, invitoume ao duodécimo Congreso do PSdG. Despois de escoitar a meirande parte das intervencións, de observar e atender ás conversas "off de récord" dos corrillos, cafés e comidas dese día, decidín enviar a solicitude para militar no PSOE.  

Desde entón, empapeime de partido, de homes e mulleres que, ao seu xeito, participan activamente para tentar cambiar a realidade deste tempo. De entre todos eles, xurdía tanto nas xuntanzas da Agrupación Local como nos diferentes comités, a figura dun home tocado nas súas forzas vitais pero cheo de gañas por axudar a prol dun "cambio profundo", el diría "moi profundo, para ilusionar á militancia e reconciliarse coa cidadanía". El advertía que non tiña présa... El sempre EN POSITIVO.

No Comité Nacional do 10 de novembro deu unha lección de socialismo, de servizo ao PSdG: "Aquí hai Partido, aquí hai Futuro". Comezaba a súa intervención pedindo perdón por se non se lle entendía ben, dixo "é a vida". (Pero Ceferino, todas e todos entendímosche perfectamente. Algúns de alí, o que pasa, é que non queren facelo, vailles ben así... E non, lamentablemente non serán xenerosos. Pero esa é a diferencia entre ti e eles). Nese momento, eu, principiante, wasapeei a un membro da Executiva: - Cómo teño que facer para conseguir o discurso de Ceferino. El díxome que o pediría, que cando o trascribiran, achegábamo. E así fixo o 14 de decembro. E despois de ter o permiso do seu autor, grazas a Noa, o publiquei neste Curruncho de Reymagoo.

Días despois, no Congreso Provincial, a compañeira Noa Díaz, en representación da Agrupación Local compostelana, utilizaba as súas máximas para que se producira ese cambio profundo: vontade, dignidade e xenerosidade

A Ceferino Díaz lembrareino tamén, por pasar moitas mañás, mentras eu tomo o café cos compañeiros de traballo no Milenium, con chaqueta oscura, gafas de sol e, ás veces, con sombreiro, dirixíndose á rúa do Pino. A traballar. A construír. A mellorar. Manolo, que o coñece de hai tempo me dicía: - Marco, aí tes un bo home e un bo socialista. Xa non quedan coma el.

Hoxe, non canso de ler as pegadas que deixa Cefe en todas e todos os membros da familia socialista, do resto dos partidos políticos, das organizacións sociais, na cidadanía galega... Na seguinte asamblea da Agrupación botarei de menos, unha cabeza lixeiramente inclinada cara abaixo, uns ollos pechados, uns movementos de mans sobre a cara e uns xeonllos bicándose. 

Falaba Cefe de pedir disculpas. Nós, hoxe, aceptamos as túas, por deixarnos orfos no socialismo galego. D.E.P.


"Amigos, temos que construír un Partido máis aberto, 
un Partido participativo, transparente, 
con primarias, listas abertas, voto individual. 
Un Partido que aplauda menos, que aclame menos e debata máis."





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comenta lo que quieras aquí.