sábado, 14 de agosto de 2010

As bágoas de San Lourenzo


Hoxe levantei con ánimo de gastar as xa maltreitas solas das zapatillas deportivas polo asfalto que me leva a Santiago de Compostela. Onte pegueille de máis ás graxas, xa que logo boteille ao peito un churrasquiño de tenreira, precedido dunha boa fonte de xipiróns á prancha e moito, moito pan. A un aínda lle quedan gañas de gozar do noso. Pero estes excesos hai que compensalos dalgún xeito.

Lembreime de Tamara, a miña fisio alaricana, hoxe por terras galas, que antes de irse de vacacións insistiume en que fixera regularmente a táboa de exercicios recomendados, co gallo de mellorar o estado desfeito da miña hernia L5-S1. Costa de carallo botarse ao chan, pero unha vez alí, un revólvese como se estivera na area da Aguieira.

Había que coller o botellín de auga, o reloxo, as gafas de sol e ¡adiante meus soldados!

Como todo, os comezos son duros pero o percorrido faise máis agradecido se vai acompañado da Radio, esa amiga sempre disposta. Hoxe, na Galega, estaban asasinando figuradamente a un cura dunha historia aberta aos ouvintes. O circunstancial guionista que chegaba de Rianxo escribiu que o cura tropezara cunha pedra ao ir lendo un libro e abrira a cabeza. Os locutores, vendo a traxedia que asomaba alén do micro, suavizaron a historia.

O troco de contido no programa presentoume un novo coñecemento e, por supuesto, non me avergoño de descubrilo neste curruncho. Si, confésome, non sabía o que eran as Bágoas de San Lourenzo (en castelán, lágrimas de San Lorenzo). Aínda que de bágoas sei bastante, as de San Lourenzo seica non mas presentaran.

Rebuscando na internete todo ten a súa explicación. As Perseidas, como así se alcuman, son unha chuvia de meteoros, populares no Hemisferio Norte, que danse neste mes de agosto, aproveitando os ceos liberados da contaminación lumínica (lembrades as famosas cinzas de volcáns). Ditas partículas foron producidas pola cola do cometa 109P/Swift-Tuttle que perdera masa cando se arrimara ao Sol (vou a ter que arrimarme eu tamén, xa que non dou feito...) Cando a órbita da Terra se remexe entre ditas partículas dícese que se produce a chuvia das Perseidas. Os astrónomos ao prolongar as súas trazas observadas nunha noite, din que semellan provir da constelación de Perseo, de aí o seu nome. O de San Lourenzo é porque este santo morreu un 10 de agosto, máis ou menos cando as partículas adoitan petar con máis forza.

Por aí din que para velas, chegaría con mirar ao ceo e localizar a constelación de Perseo. Aínda que para os máis curiosos e curiosas, que tamén haias, invítovos a descubrir un pouco máis deste fenómeno estelar na guía Perseidas 2010, publicada pola Sociedade de Observadores de Meteoros e Cometas de España.
.
Xa sei que moitos contades con coñecementos dabondo, que sodes moi listiños, pero eu sonche burriño nestes temas (e noutros), aínda que sempre esté a vivir nun mundo de estrelas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comenta lo que quieras aquí.