Semella estar sacado dun conto costumbrista baroxiano. Con orixes bascas coma el, pero galego de nacemento coma min (a foto é do Museo Parroquial de Monterroso), a súa cotidianidade reflicte a talla dun home de raza nobre e bo.
Ás veces, o Sr. Licenciado García sorpréndenos con toques de xenialidade (o "comentario plus", digo eu) que, nun primeiro momento, costa entender, e só os máis espelidos consiguen seguir. Trátase dun xenio sen pulir.
No traballo, como bo capricornio, non gosta de dirixir nin responsabilizarse de grandes traballos, e o seu sentido de disciplina, regularidade e paciencia faille idóneo e moi capacitado para traballos de minuciosidade. Cando esixes a súa opinión é reflexivo, analítico e crítico. Móllase. É de traballar lento (xa o dicía a dama de Viveiro) pero con seguridade. É un home conservador, nada soñador e o que obtén na vida é gañado co seu esforzo e traballo, non por ter sorte ou amiguiños. Fuxe da improvisación e das sorpresas. No horóscopo chinés, resulta ser búfalo, caracterizándoo por disfrutar do seu tempo libre e atopar sempre algo co que agradar a súa existencia: lendo, podando, indo en bici coa súa dona e a súa filla, percorrendo o monte, abrindo camiños entre as silveiras e os toxos, baixando ríos, comendo un bo chuletón ou, simplemente, gastando o tempo coas súas amizades.
Aínda non está escarmentado da realidade que lle rodea, xa que ao carón da súa dona, de Antas de Ulla ela, pula pola defensa da natureza (é o terror dos encoros) por riba dos intereses economicistas dos poderosos. É un activo ecoloxista e pacifista; valores que estou seguro aproveitará a filla de seu.
Hai uns días seique o Sr. García converteuse no Licenciado García e é o resultado do tesón, daquela paciencia e da sabeduría. Os seus, e eu inclúome, estamos ledos da súa fazaña, xa que logo resulta un exemplo para algún de Ourense e para algún de Mugardos... Non, non fuxas amigo. És do mellorciño que algúns temos preto e, por iso, que non te estrañe que aproveitemos as nosas escasas influenzas para respirar canda ti. É puro egoísmo dos teus, pero non para obter prevendas senón para nos aproveitar da túa bondade e amizade.
Parabéns, Licenciado García.
P.D. ¿Cómo van as nosas árbores? -di o de Touro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comenta lo que quieras aquí.